Sensación producida polos raios luminosos que impresionan os órganos visuais, cuxo efecto depende da lonxitude de onda. É unha das características morfolóxicas máis aparentes dos horizontes do solo. Débese aos elementos cromóxenos que interveñen na composición de cada horizonte (materia orgánica, óxidos de ferro, entre outros).
A cor pode ser heredada do material orixinario (cor litoxenética) ou ben ser resultado de procesos formadores (cor edafoxenética). É unha propiedade que se rexistra sempre nas descricións detalladas de solos, xa que resulta moi útil para identificar os horizontes e inferir moitas características do solo (compoñentes, estado de aireación, estado de oxidación, clase de drenaxe, entre outras), e poder estimar a calidade e produtividade do solo. Nalgúns casos, utilízase como criterio de diagnose en clasificación de solos, p. ex. no epipedón móllico. A cor varía co contido de humidade, polo que se determina en estado seco (se é posible) e en estado húmido, humedecendo previamente a mostra e determinando a cor inmediatamente despois de que desapareza a lámina de auga, á sombra ou de costas ao sol. Determínase por comparación visual cunha táboa de cores estándar (Táboa Munsell) que permite describir o matiz, o brillo e o croma da matriz do solo e das manchas que poidan existir.