...

Representación gráfica da función característica de retención de humidade dun solo non saturado de auga, πm = f(θ), referida aos seus distintos horizontes. Nas ordenadas represéntase a enerxía coa que a auga é retida pola matriz do solo, expresada como potencial matricial, πm, e nas abscisas represéntase o contido de auga, θ, dunha masa ou volume de solo. Constrúese experimentalmente e non é unha relación unívoca, xa que o proceso de cambio do contido de humidade non é único nin monótono, se non que presenta histérese, de maneira que no secado (desorción), o contido de auga a un potencial determinado é maior que na humectación (sorción). Por mor da histérese do proceso, as curvas características de humidade presentan dúas ramas. No proceso de secado, os puntos da curva obtéñense sucesivamente saturando a mostra con auga e equilibrándoa cunha presión de aire igual a un potencial matricial dado, πmi, nunha cámara de presión cunha placa cerámica. Cando se acada o equilibrio, determínase gravimetricamente o contido de humidade da mostra, θi, co que se obterá un punto da curva, e así sucesivamente. A curva pódese construír en función do potencial matricial: πm = f(θ) (autores norteamericanos) ou ben en función da carga de presión matricial: hm = f(θ) (autores holandeses). Neste segundo caso, dado que a carga de presión varía dentro dun intervalo moi grande en comparación co intervalo de variación do contido de auga, a curva só se pode representar nun diagrama semilogarítmico, o que require introducir o concepto de pF, coa conversión: pF = log [-hm], expresando hm en cm. As curvas características varían amplamente duns solos a outros segundo a textura, estrutura e mineraloxía, e describen a dinámica da fase líquida do solo.