...

Alteración física do solo que comporta procesos de modificación e incluso destrución da estrutura, que ten a súa orixe na aplicación de esforzos mecánicos sobre o solo. Ocorre tipicamente por procesos de inchamento-retracción, corremento do terreo e accións antrópicas provocadas polo labor inadecuado ou por traballos xeotécnicos. A natureza e amplitude das deformacións estarán condicionadas pola distribución das direccións e módulos dos vectores de esforzo mecánico que actúan sobre o solo e pola resistencia á deformación nunha condición de humidade determinada.

As deformacións mecánicas por esforzo de compresión poden implicar modificacións da forma conservando o volume, o que pode dar orixe a un derrame lateral global do solo, ou ben á diminución do volume co consecuente aumento da densidade aparente e diminución da porosidade. A deformación dun solo ten un comportamento complexo, característico dos corpos elástico-plásticos, e vai acompañada de fisuracións debidas á ruptura de elementos estruturais. A deformación elástica ocorre cando non é moi elevada; superado certo limiar (límite elástico), a deformación é plástica.

Os solos areosos, arxilosos secos e turbas son os máis elásticos. O comportamento puramente plástico é característico das arxilas con humidade superior ao límite plástico. Os solos máis sensibles ás deformacións son aqueles que se encontran frecuentemente en estado plástico, dado que conservan unha consistencia plástica con baixa humidade, incluso despois de perder a auga de drenaxe rápida (potencial matricial menor de -33 kPa).