Unha das tres ordes da Clase Entognatha. O nome diplura (dúas colas) refírese ao par característico de apéndices ou filamentos caudais no extremo final do corpo (cercos). Miden entre 0,3 e 1 cm de longo, aínda que algunhas especies poden alcanzar até 2 cm.
O seu corpo divídese en: cabeza, onde se insiren as antenas moniliformes (parecen un fío de doas), pezas bucais retraídas na cápsula cefálica e sen ollos; tórax, dividido en proto-, meso- e meta-tórax, onde se insiren as patas; e abdome.
Viven na madeira, follada, debaixo das pedras, rochas ou troncos, na superficie ou en capas máis profundas do solo, en musgos ou en niños de térmites e formigueiros. Moitas especies son herbívoras e detritívoras (aliméntanse de restos de plantas e animais en descomposición) e aliméntanse dunha ampla variedade de material vexetal. Non en tanto, algunhas especies son carnívoras e capturan nematodos, pequenos artrópodos e enquitreidos, entre outros. Tamén poden consumir micelio fúnxico.
Algunhas especies da familia Japygidae pódense confundir con forcadelas debido á presenza en ambos grupos de apéndices abdominais en forma de pinza (cercos), pero os dipluros non son insectos.