...

Drenaxe que se leva a cabo por medio dun sistema de canles a ceo aberto e tubaxes enterradas (tubos de PVC corrugados e con perforacións, tubos de cerámica ou de formigón porosos, xeralmente cunha cuberta de fibra de coco, xeotéxtil, grava ou outro material para mellorar as características hidráulicas). Instálanse para asegurar a eliminación do exceso de auga do solo por medio dun descenso da capa freática. En solos de zonas moi húmidas (solos hidromorfos, xeralmente con características ácuicas), instálase a unha profundidade establecida en función do tipo de uso previsto e cunha separación que se determina a partir das características hidráulicas do solo.

En rexións áridas e semiáridas débese combinar a rega coa drenaxe artificial. Esta última ten por finalidade evitar a acumulación na rizosfera de sales disoltas que proveñen de augas de rega de baixa calidade e manter deste modo un balance de sales acorde coa tolerancia das plantas que se van cultivar e a calidade da auga de rega dispoñible. Nestes sistemas de rega, o exceso de auga en relación coas necesidades do cultivo, aplicado para evitar a acumulación das sales solubles na rizosfera, denomínase fracción de lavado. Adóitase expresar como unha porcentaxe da evapotranspiración (xeralmente da orde dun 10 a un 25 %). O cálculo da fracción de lavado é un elemento esencial para o dimensionado do sistema de drenaxe agrícola e para a sostibilidade do sistema de rega. É importante controlar a condutividade eléctrica da auga de rega e a do solo, xa que se a primeira é moi inferior á segunda, pode producirse a dispersión espontánea dos agregados do solo, provocando así o deterioro da drenaxe agrícola por diminución da condutividade hidráulica, o que dificulta a eliminación da fracción de lavado.