Un solo é un ecosistema no sentido indicado por Arthur G. Tansley, xa que se compón de materia viva e materia morta, cunha multitude de interaccións entre elas. Tamén o é na definición proposta por Eugene P. Odum, promotor da ecoloxía moderna, existindo unha ensamblaxe, de xeito que o solo está dentro dun ecosistema e á súa vez outros ecosistemas (ou dominios) están dentro do solo (p. ex., a rizosfera), aínda que o termo ecosistema ás veces non se pronuncie. Non obstante, algúns autores como J-M. Gobat prefiren considerar ao solo como un sistema ecolóxico.
Os compoñentes doecosistema edáfico son: 1) bióticos: bacterias, fungos, protistas (protozoos e microalgas), animais e plantas (maiormente na forma das raíces de plantas superiores); 2) abióticos: aire, auga e minerais, con interaccións entre todos eles (redes tróficas, meteorización, descomposición da materia orgánica, humificación, entre outras).
O equilibrio dinámico nun ecosistema edáfico alcánzase coa interacción estable entre os elementos bióticos e abióticos.