Encima producido e liberado polos organismos do solo (animais, plantas, microorganismos).
Os encimas intracelulares están asociados a microorganismos (principalmente bacterias e fungos), a raíces de plantas e á microfauna do solo, ou están adheridos a células mortas e a restos celulares. Os encimas estabilizados na matriz do solo acumúlanse ou forman complexos coa materia orgánica (humus), minerais da arxila e complexos de humus-arxila, pero xa non están asociados a células viables. Créese que entre o 40 e o 60 % da actividade encimática do solo provén de encimas estabilizados, polo que a actividade encimática do solo é o efecto acumulado da actividade microbiana a longo prazo e a actividade da poboación viable nun momento determinado.
Os encimas do solo aumentan a velocidade de reacción á que os residuos vexetais se descompoñen e liberan nutrientes dispoñibles para as plantes. Algúns encimas só facilitan a descomposición da materia orgánica (por exemplo, hidrolase, glicosidase), mentres que outros encimas están involucrados na mineralización de nutrientes (por exemplo, amidase, urease, fosfatase, sulfatase).
Están directamente relacionados cos ciclos do carbono (B-glicosidase, entre outras), do nitróxeno (urease, nitroxenase, entre outras), do fósforo (fosfatase, entre outras), e do xofre (sulfatase, entre outras).
Hai dous tipos principais de encimas no solo: 1) constitutivos, que están sempre presentes en cantidades case constantes nunha célula (non se ven afectados pola adición de substrato algún), como a pirofosfatase; 2) inducibles, presentes só en cantidades traza ou ínfimas, pero que aumentan rapidamente de concentración cando o seu substrato está presente, como a amidase.