Proceso polo cal se deposita sobre a superficie dun solo ou outra (p. ex. unha capa de gravas) a carga sólida (enxurro) que transporta en suspensión unha corrente de auga, debido á diminución da velocidade da auga. Os materiais depositados adoitan mellorar a calidade do solo, xa que acostuman ser ricos en materia orgánica e nutrientes.
Pódese tratar dun proceso natural, p. ex. debido ao desbordamento dun río que deposita enxurro nos campos que se atopen na súa chaira de inundación, como foi o caso do Nilo, ata que se construíu a presa de Asuán, que actualmente constitúe unha trampa para a carga sólida; ou tratarse dunha técnica agrícola baseada no mesmo principio. Neste caso pódese: 1) regar sistematicamente con augas cunha carga sólida importante (enxurro) para aumentar a calidade do solo (en fr. limonage); 2) utilizar augas residuais cunha elevada carga sólida, como p. ex. as augas procedentes de lavar as remolachas nunha fábrica de azucre ou outras derivadas da industria agroalimentaria. Nestes casos, pódense crear balsas de sedimentación en serie, para o cal se delimitan parcelas con diques de terra de pouca altura, que se poden ir aumentando a medida que se enchen. As augas con enxurro vértense á primeira balsa e faise circular a auga lentamente dunha balsa á seguinte, de maneira que a carga sólida depositase integramente ao saír a auga da última balsa.