Pequenos oligoquetos (Annelida, Oligochaeta, Enchytraeidae) pertencentes á mesofauna do solo, de corpo alongado, cun diámetro entre 0,1 e 2 mm e unha lonxitude que varía entre 1 e 30 mm. Son bilateralmente simétricos, e son hermafroditas.
As súas poboacións concéntranse nos horizontes máis superficiais do solo (0-5 cm) onde consumen materia orgánica do solo (MOS) e escavan galerías, polo que xogan un papel importante na descomposición da MOS, nos procesos de humificación, nos ciclos de nutrientes, e no mantemento da estrutura do solo (crean estruturas bioxénicas), co que se incrementa a porosidade e a infiltración da auga.
Utilízanse como indicadores da calidade do solo, porque as súas poboacións responden ás alteracións producidas polas actividades agrícolas. Tamén se empregan en estudos ecotoxicolóxicos para investigar o efecto dalgúns contaminantes. O método estándar (normativa ISO 16387:2004) utiliza a especie Enchytraeus albidus, que se reproduce facilmente no laboratorio.