...

Ensaio de cizallamento nunha mostra de solo seca ao aire (agregado, terrón ou volume de solo) duns 3 cm de lado. En campo só se pode realizar con horizontes realmente secos (ao premer unha mostra na man dá sensación de calor); no caso de non ser así, haberá que deixar secar a mostra ao aire no laboratorio. O ensaio consiste en premer un fragmento seco entre o polgar e o índice e observar a resistencia que ofrece á ruptura. Establecéronse as seguintes clases de dureza: (1) solto, material sen coherencia; (2) feble ou brando, material pouco coherente que se desfai facilmente en po ou grans soltos baixo unha presión moi lixeira (forza menor de 8 N); (3) lixeiramente duro, material que rompe facilmente entre o polgar e o índice baixo unha presión moderada, se ben ofrece certa resistencia á presión (forza maior de 40 N); (4) duro, material moderadamente resistente á presión, esmiúzase dificilmente entre o polgar e o índice, se ben rompe facilmente ao comprimilo coa man (forza superior a 80 N); (5) moi duro, material moi resistente á presión, non rompe ao premelo entre o polgar e o índice, e rompe con dificultade ao comprimilo coa man, requiríndose unha forza superior a 160 N, corresponde aproximadamente á compresión máxima ao premelo entre as dúas mans; (6) extremadamente duro, material extremadamente resistente á presión, non rompe ao premelo entre as dúas mans.