...

A friabilidade determínase sobre un volume de solo (duns 3 cm) ou un agregado húmido ou lixeiramente húmido en estado natural, preméndoo entre o polgar e índice e observando o seu comportamento.

Trátase dun ensaio de cizallamento. Establecéronse seis clases: 1) solto, material sen coherencia; 2) moi friable, o agregado esborrállase baixo unha presión lixeira, pero únese cando se comprime (cunha forza de 8 N equivalente a unha pesa de 0,8 kg); 3) friable, o agregado esmiúzase facilmente baixo unha presión moderada, pero únese baixo unha presión forte (forza maior de 20 N); 4) firme ou pouco friable, o agregado esmiúzase baixo unha presión forte, pero nótase unha clara resistencia (forza maior de 40 N); e esmiúzase facilmente coa man; 5) moi firme, o agregado require unha presión moi forte para se esmiuzar ou case non se esmiúza; ofrece unha clara resistencia ao comprimilo coa man pechada; 6) extremadamente firme ou non friable, o agregado non se esmiúza entre o polgar e o índice, baixo unha presión moi forte entre as mans rompe anaco a anaco. Non sempre será posible realizar este ensaio no campo, xa que o solo pode estar demasiado húmido ou ben seco. No primeiro caso pódense tomar mostras, levalas ao laboratorio e deixar que sequen ata poder realizar o ensaio.