...

Conxunto de especies químicas baixo as cales un elemento se pode presentar nun medio determinado. Nunha disolución, os ións dun mesmo elemento poden formar diversas especies químicas mediante reaccións de hidrólise, de complexación e redox. Analogamente, na fase sólida do solo, un elemento pode aparecer en diferentes estados redox, formando complexos, precipitados con ligandos de distinta natureza, adsorbatos, coprecipitados, entre outros compostos. A especiación depende do pH, do Eh, da presenza de materia orgánica, e tamén da presenza doutros elementos e ligandos inorgánicos. A especiación dun elemento no solo condiciona a súa solubilidade e, polo tanto, a súa mobilidade e biodispoñibilidade.