Secuencia establecida por Jackson e Sherman que relaciona a intensidade de meteorización e a asociación mineral presente nas fraccións finas (arxila e limo) do solo. Establecéronse tres estadios: mínimo: 1 (xeso e halita), 2 (calcita e dolomita), 3 (olivino, hornblenda, piroxeno), 4 (biotita, glauconita, nontronita) e 5 (albita, anortita, microclina, ortosa); moderado: 6 (cuarzo), 7 (moscovita), 8 (minerais de arxila 2:1), 9 (esmectita), e intenso: 10 (caolinita), 11 (gibbsita), 12 (hematita, goethita) e 13 (anatasa, rutilo, circón). Tamén se pode expresar como a relación entre minerais meteorizables e minerais resistentes (p.ex., feldespatos/cuarzo; biotita/cuarzo) na fracción area e limo dos horizontes do solo, comparado coa mesma relación nos horizontes subxacentes (horizonte C) ou no material orixinario.