Estado definido nunhas condicións específicas, ao que se refire a enerxía potencial (potencial) da auga no solo, dado que non existe unha escala absoluta de enerxía. Por convención, asígnaselle un valor de potencial cero. Para a auga do solo adóitase tomar como estado de referencia a auga líquida, coas condicións seguintes que definen o estado estándar de acordo coa IUSS: un depósito hipotético de auga pura, sen substancias disoltas (presión osmótica π0 = 0), libre (non está influenciada por ningunha matriz sólida e a súa interfase coa fase gasosa é plana) está á presión atmosférica normal do lugar considerado, P0, á mesma temperatura que a auga do solo (condicións isotermas, polo xeral 20 °C) e a unha elevación de referencia, dada e fixa, Z0, polo xeral utilízase como nivel de referencia, z = 0, a superficie do solo ou a superficie da capa freática. A enerxía potencial ou potencial da auga no solo vén dada pola diferenza de enerxía expresada por unidade de cantidade de auga (masa, peso ou volume) entre a auga do solo e o estado estándar.