...

Encima hidrolase que cataliza a hidrólise dos enlaces éster nun ácido e un alcohol nunha reacción química que utiliza unha molécula de auga.

Entre as esterases destaca a lipase que escinde os lípidos (tri e diglicéridos) ao hidrolizar os enlaces éster entre o glicerol e os ácidos graxos. A degradación completa dos fosfolípidos require, ademais, dunha fosfatase, que cataliza a eliminación de grupos fosfatos dalgúns substratos, dando lugar á liberación dunha molécula de ión fosfato e a aparición dun grupo hidroxilo.

Pódense utilizar na degradación de compostos xenobióticos empregados na agricultura. Así, por exemplo, púxose de manifesto que existe unha relación entre a velocidade de degradación da película de poliéster biodegradable utilizada en agricultura intensiva como mulch, as poboacións de fungos e a actividade dos encimas esterases que degradan o poliéster.