...

Eliminación de organismos nocivos mediante diversos procedementos complementarios, á cal se recorre cando os patóxenos que se pretenden eliminar son resistentes a un único tratamento.

Por exemplo, o tomate (Lycopersicon esculentum) sofre ataques de Fusarium oxysporum f. sp. lycopersici, moi difíciles de eliminar. A solarización pode dar algúns resultados combinada cun tratamento de dazomet.

Pódese combinar a aplicación de substancias químicas con certas prácticas que eviten a propagación do patóxeno, como pode ser non enterrar as plantas trala colleita anterior, en especial se estiveron infectadas, así como utilizar sementes desinfectadas e aplicar certos tipos de fertilizantes (por exemplo, os que transportan N-NO3, que son menos favorables á fusariose que os amoniacais); ou ben con certas emendas orgánicas efectivas, como os residuos de crucíferas e esterco, entre outras.

A combinación da solarización e a biofumigación coñécese co nome de biosolarización.