A escala macroscópica, tipo de estrutura do solo cuxos agregados presentan unha disposición preferentemente horizontal, predominando dúas dimensións horizontais sobre a terceira, polo que teñen forma de lámina. Unha cotra superficial xeralmente presenta este tipo de estrutura, polo que dificulta a infiltración da auga e fai aumentar o escoamento superficial en ladeiras e, polo tanto, o risco de erosión; pode impedir o xermolamento e facer fracasar a sementeira. Os solos desenvolvidos a partir de depósitos aluviais recentes poden ter herdado este tipo de estrutura, que condicionará o movemento da auga no solo. Nas zonas de rodada da maquinaria con solo demasiado húmido en cultivos permanentes, pódese formar este tipo de estrutura por compresión repetida.