Proceso oposto á contracción (retracción). Consiste nun aumento de volume específico do solo ao aumentar o seu contido de auga. Para que teña lugar este proceso requírense forzas de repulsión, para separar as partículas de minerais de arxila, que sexan maiores que as de atracción a medida que aumenta o contido de auga.
Os mecanismos que actúan son complexos e están relacionados con: 1) a cantidade e natureza dos minerais da arxila (mineraloxía e superficie específica); 2) as unións das moléculas de auga ás superficies dos minerais de arxila; 3) o contido de auga; e 4) a carga e radio dos ións adsorbidos que ocupen os espazos intersticiais entre as partículas e entre as láminas dos minerais de arxila (forzas debidas ás dobres capas difusas e á diferenza de concentración entre as dobres capas e a fase líquida exterior).
Nestes procesos, as moléculas de auga do solo pasan a ocupar espazos intersticiais entre as partículas e/ou espazos interlaminares dos minerais de arxila, o que aumenta coa presión parcial da auga. As moléculas de auga organízanse en capas e fan aumentar a distancia basal nestes minerais, co que varía a estrutura do mineral. A expansión prodúcese pola alta retención de auga debido ao potencial osmótico, así como polas forzas intermoleculares entre a arxila e a auga e polas forzas eléctricas nas dobres capas arredor das partículas de minerais de arxila. O grao de expansión (inchamento) depende, ademais, da natureza do catión que satura os espazos interlaminares. Nunha esmectita, o inchamento é máximo co Na+, polo maior espesor da dobre capa neste caso, e é menor con catións bivalentes (Ca2+ e Mg2+), xa que neste caso só haberá tres capas de moléculas de auga. Unha alta concentración de sales na fase líquida fai diminuír o inchamento, ao provocar a diminución do espesor da capa difusa.
Os procesos expansión-retracción (inchamento-contracción) teñen lugar en solos cun predominio de minerais de arxila expansibles (esmectitas e vermiculitas). En xeral, estes procesos teñen un carácter cíclico en solos de áreas con períodos húmidos e secos moi acentuados. A nivel macroscópico hai unha relación entre os procesos de expansión-retracción (inchamento-contracción) e a aparición de fendas no solo. Nunha primeira etapa de inchamento, coas fendas abertas, a expansión volumétrica é tridimensional (3D), mentres que nunha segunda etapa, ao cerrarse as fendas, a expansión volumétrica é unidimensional (1D), co que o nivel da superficie do solo se eleva. Co tempo, ao repetirse o proceso, os sucesivos inchamentos poden dar lugar a un microrrelevo en gilgai, que se pode observar en áreas case chás non cultivadas. Nas ladeiras, a expansión-retracción pode dar lugar a unha sucesión de microvales e microelevacións paralelos á dirección da pendente. Estes procesos, que teñen un carácter cíclico en solos de áreas con períodos húmidos e secos moi acentuados, son característicos de Vertisolos e solos de características vérticas, e poden ten efectos desfavorables sobre as construcións realizadas sobre eles.