Técnica de biorremediación que consiste en utilizar plantas verdes (e os microorganismos asociados á rizosfera) para absorber, acumular, metabolizar, volatilizar ou estabilizar contaminantes orgánicos e inorgánicos do solo, de efluentes e de augas subterráneas, a formas menos tóxicas.
Inclúe diversas técnicas: fitoestabilización, fitoextracción (fitoacumulación), fitovolatilización, fitodegradación (fitotransformación), fitoestimulación (fitoinmobilización), rizofiltración, contención hidráulica biolóxica e fitodesalinización, entre outras.
Vantaxes: 1) é unha tecnoloxía in situ, nin invasiva nin destrutiva, que preserva a capa superior do solo e o solo protexido por unha cuberta vexetal; 2) é menos custosa que outros procesos utilizados tradicionalmente, 3) posibilita a recuperación e reutilización de metais valiosos (por empresas especializadas en fitominaría).
Limitacións: 1) consume moito tempo; 2) depende da eficiencia das plantas no proceso; 3) limítase á superficie e á profundidade ocupadas polas raíces.
Para utilizala de forma eficiente requírese: 1) comprender os mecanismos fisiolóxicos das plantas para a absorción, translocación, almacenamento e desintoxicación, e as interaccións planta-microorganismos; 2) coñecer as propiedades físico-químicas do solo; 3) valorar o procesado do material vexetal que retivo os contaminantes; 4) estudar a inversión e tempo necesarios para lograr os obxectivos.
A biotecnoloxía abriu grandes posibilidades para obter plantas altamente eficientes en fitorremediación.