Proceso de fixación biolóxica do nitróxeno atmosférico grazas á simbiose de microorganismos que teñen esta capacidade e ás raíces dalgunhas plantas. As simbioses máis coñecidas que dan lugar á fixación de nitróxeno son as das bacterias do xénero Rhizobium e as fabáceas (leguminosas), se ben existen outras bacterias con esa capacidade (Sinorhizobium meliloti na alfalfa, Bradyrhizobium japonicum na soia). Existen unhas poucas plantas non leguminosas que tamén teñen esa capacidade de simbiose, principalmente coas bacterias do xénero Frankia (p.ex., con plantas dos xéneros Alnus, Coriaria, Eleagnus e Casuarina) ou con cianobacterias. A fixación simbiótica do nitróxeno ten unha grande importancia ecolóxica e agronómica.