Fluído cuxa viscosidade varía coa temperatura, o tempo e o esforzo cortante que se aplica, polo que non ten un valor de viscosidade definido e constante. Presentan este comportamento os solos con propiedades tixotrópicas, tales como os desenvolvidos a partir de materiais volcánicos en zonas húmidas, ricos en aluminosilicatos con grao de ordenación baixo (alófana). A súa consistencia pasa bruscamente dun estado máis ben ríxido e resistente a unha consistencia máis fluída baixo a acción dunha presión elevada, xa que a viscosidade aparente decrece coa duración do esforzo aplicado. Ao desaparecer a presión, o material volve progresivamente a un estado máis ríxido ou menos fluído, que alcanza ao cabo de certo tempo.