Transporte dun compoñente do solo (gas ou líquido) producido sobre todo por diferenzas de forza ou de presión entre distintos puntos. Por exemplo, o movemento da auga no solo (fase líquida) que afecta un volume de auga que se despraza no seu conxunto, de maneira que as substancias disoltas ou en suspensión nela se moven á mesma velocidade que a auga. Exprésase por medio da lei de Darcy. Analogamente, a entrada dunha masa de aire no solo, que contribúe á aireación do solo, ten lugar por diferenzas de presión entre o aire do solo e a atmosfera exterior, ou por gradientes de presión dentro do solo, o cal forza á masa de gas a moverse desde os puntos de maior presión aos de menor presión.