Movemento da auga no solo baixo a influencia dun gradiente de potencial hidráulico, nunha situación na que non todos os poros están completamente cheos de auga. A tortuosidade de circulación irá aumentando a medida que o solo seque, porque a proporción de poros condutores diminúe ao secar. Os poros que primeiro se baleiran son os de maior tamaño e menores estreitamentos, que son os máis condutores. Os espazos entre agregados constitúen barreiras para o fluxo de auga dun agregado a outro. O fluxo ten lugar: (1) por reptación de películas de auga ao longo das paredes dos poros grandes; e (2) polos poros finos cheos de auga. Ao pasar de réxime saturado a non saturado, a condutividade hidráulica decrece varias ordes de magnitude.