...

Forzas que se xeran no solo debidas á fase sólida e que actúan sobre a auga en solos non saturados, pola coexistencia das fases sólida, líquida e gasosa. Dependen: (a) da estrutura do solo, en especial da porosidade asociada a ela, na que teñen lugar fenómenos de capilaridade debido á tensión superficial derivada das forzas capilares, que dependen do tamaño dos poros; e (b) da natureza dos constituíntes sólidos nos que teñen lugar procesos de adsorción de moléculas de auga na superficie das partículas (nas dobres capas) debidas ás forzas de adsorción. Fan posible o almacenamento ou a retención de auga no solo fronte ás forzas da gravidade, evaporación, absorción de auga polas plantas, entre outras.

Canto menor é o tamaño dos poros, menores serán os radios dos meniscos que forma a auga neles e, por conseguinte, maior será a enerxía requirida para extraer auga do solo. Polo tanto, no desecamento por evaporación ou por drenaxe, os poros grandes son os primeiros en se baleirar. A medida que o solo seca, van desaparecendo os meniscos ao romper a continuidade da auga dentro dos capilares e as moléculas de auga que quedan están adsorbidas nas superficies das partículas, requiríndose unha enerxía moi elevada para extraer a auga. O secado completo do solo só se consegue en estufa.