Elemento químico non metálico de símbolo P, número atómico 15 e peso atómico 30,97. É un elemento esencial para as plantas, un macronutriente indispensable pola función que desempeña, entre outros procesos bioquímicos, na fotosíntese, no metabolismo enerxético celular e como compoñente estrutural de biomoléculas. Dende o punto de vista da nutrición mineral das plantas, distínguense tres fraccións: fósforo na fase líquida do solo, fósforo lábil (fixado con baixa enerxía de retención, potencialmente dispoñible) e fósforo non lábil. A súa mobilización dende os campos de cultivo por lixiviación ou pola auga de escoamento superficial pode ter repercusións ambientais indesexables, xa que o fósforo, xunto co nitróxeno, son os causantes principais da eutrofización das augas.