Compoñentes do solo que corresponden a fragmentos de rocha dura, de tamaño superior a 2 mm, que se atopan na superficie do solo.
Para avaliar o grao de interferencia deses fragmentos co uso agrícola do solo establecéronse diversas clases atendendo: (i) ao seu tamaño: grava (fina, media, grosa), pedras, cantos e cantos grosos; e (ii) á porcentaxe de superficie recuberta (clase de recubrimento por fragmentos grosos superficiais).
Determínase por reconto nunha superficie arredor dun punto ou polo método da liña de interceptación. Non existe un acordo internacional acerca dos límites entre as clases, polo que existen diversos sistemas de avaliación.
A FAO (2009) establece sete clases de coberturas da pedregosidade superficial segundo a porcentaxe de superficie recuberta: non pedregoso (0 %); moi pouco pedregoso (0-2 %); pouco pedregoso (2-5 %); medianamente pedregoso (5-15 %); moi pedregoso (15-40 %); abundantemente pedregoso (40-80 %); e dominante (> 80 %).
O NRCS (2002) establece cinco clases: lixeiramente pedregoso (0,01-0,1 % de superficie recuberta); moderadamente pedregoso (0,1-3 %); moi pedregoso (3-15 %); extremadamente pedregoso (15-50 %); e excesivamente pedregoso > 50 %).
O SINEDARES (1983) establece sete clases atendendo á porcentaxe de superficie ocupada por fragmentos grosos, de entre 15 e 30 cm, e a separación entre eles e indica a interferencia cos labores de cultivo: non pedregoso (< 0,01 % da superficie, non interfire coa labra); lixeiramente pedregoso (0,01-0,1 % e unha separación de 10 a 30 m, pouca interferencia, son posibles os cultivos con desenherbado); moderadamente pedregoso (0,1-3,0 % e separación de 2 a 10 m, algunhas interferencias, non son posibles os cultivos con desherbado); moi pedregoso (3-15 % e separación de 1 a 2 m, non permiten o uso de maquinaria, só máquinas lixeiras e útiles manuais); excesivamente pedregoso (15-30 % e separación de 0,7 a 1,5 m, non se pode utilizar maquinaria); extremadamente pedregoso (30-90 % e separación de menos de 70 cm, non se pode cultivar); solo pavimentado (> 90 %, solo pavimentado por pedras).