...

Dispositivo que permite a subministración de auga a un nivel constante e a medición do volume de auga subministrado ao longo do tempo. Consta dunha botella graduada cun tapón na boca provisto de dous tubiños de vidro, un para a saída da auga e outro para a entrada do aire. A botella colócase en posición invertida, cos dous tubos en contacto coa lámina de auga cuxo nivel debe permanecer constante (p. ex., nun ensaio cun anel de infiltración). A medida que baixa o nivel da lámina de auga no anel, por un dos tubos entrará aire na botella, o que equilibrará a presión dentro dela, mentres que polo outro tubo, de boca biselada, sairá auga de forma inmediata, ata que se restableza o contacto coa lámina de auga no anel.