Intensidade coa que os compostos orgánicos e inorgánicos do solo se atopan unidos formando complexos orgánicos e organo-minerais.
Resulta da actividade biolóxica e define o grao de estabilidade da materia orgánica fronte á degradación e o grao de mobilidade dos constituíntes. Pódese estudar a diversas escalas: macroscópica, microscópica e submicroscópica.
A escala macroscópica con axuda dunha lupa de man pódense identificar as características da mostra, se é unha mestura homoxénea ou heteroxénea. A materia orgánica pode estar: 1) xustaposta á materia mineral, en presenza de grans de cuarzo, estes aparecen brancos; 2) revestindo as partículas minerais, en especial os grans de cuarzo, como nalgúns horizontes Bh; 3) ben incorporada á materia mineral; 4) intimamente unida á materia mineral, como nos horizontes móllicos.
A escala microscópica, cun microscopio petrográfico, pódense diferenciar distintos niveis de organización e de degradación dos restos orgánicos, así como os efectos da bioturbación por fauna do solo.
A escala submicroscópica pódense chegar a observar as interaccións físicas entre os átomos dos elementos constituíntes da materia orgánica e mineral.