...

Característica dun proceso que non é único nin monótono, de maneira que unha variable que dependa doutra variable independente, x, segundo a dirección na que varíe x da un valor diferente de y. P. ex. a relación entre o potencial matricial, ψm, e o contido de auga do solo, θ, pódese obter por puntos de dúas maneiras: 1) nunha cámara de presión, partindo dunha mostra inicialmente saturada de auga, aplícanse sucesivos valores de presión de aire crecentes (potenciais crecentes en valor absoluto). Para cada valor de presión determínase o contido de auga no equilibrio por secado en estufa da mostra, o que dá un punto da curva; e 2) partindo dunha mostra inicialmente seca, humedécese gradualmente e determínanse sucesivos puntos.

Con cada un destes métodos obtense por puntos unha curva continua, se ben a curva correspondente ao desecamento non se corresponde coa curva de humectación. No proceso de secado, o contido de auga a un potencial determinado é maior que no proceso de humectación. Este proceso de histérese pódese atribuír a que os poros individuais non son uniformes (efecto colo de botella); ao ángulo de contacto; e á presenza de aire atrapado na mostra de solo. Polo xeral, o efecto de histérese é máis pronunciado en solos de estrutura grosa a potenciais baixos, nos que os poros se baleiran a un potencial máis elevado que ao que se enchen.