Infiltrómetro que consiste nun cilindro metálico co bordo inferior biselado e un dispositivo que permite ir engadindo auga ao longo do tempo, de maneira que se pode ir medindo o volume de auga incorporado (frasco de Mariotte ou outro). Para operar crávase o cilindro no solo a unha profundidade duns 5 cm, énchese de auga ata un determinado nivel, que se manterá constante ao longo do ensaio por medio dun frasco de Mariotte ou outro dispositivo, de modo que a infiltración teña lugar a carga hidráulica constante. A relación entre o volume de auga engadido e o tempo transcorrido permite calcular a velocidade de infiltración. Para ter en conta a variabilidade dos solos, as medidas deben realizarse cando menos por triplicado.