Proceso polo cal unha fracción do auga de choiva é captada e retida pola vexetación (parte aérea das árbores e follaxe) e que posteriormente se evapora sen acadar a superficie do solo. Pódese expresar como: Pint = Pi – (Ps + Pt), onde Pi é a precipitación incidente; Ps a fracción de precipitación que alcanza o solo de forma directa a través da cuberta vexetal; e Pt é a fracción de precipitación que alcanza o solo ao escorregar polas ramas e o tronco nunha masa forestal. Dependerá do tipo e morfoloxía da vexetación, a súa densidade e idade.
En bosques de coníferas pode representar entre un 15 e un 40 %. Hillel indica que a capacidade de almacenaxe de auga da parte aérea da vexetación, wsc expresada en kg m-2, pódese estimar a partir da expresión: wsc = 0,1·LAI, onde LAI é o índice de área foliar, definido como a superficie proxectada da masa de follas por unidade de superficie de solo. A precipitación incidente (total) menos a precipitación interceptada é a precipitación neta, que é a que será efectiva no solo.