...

Dise dun solo que está cuberto de auga. Ao prolongarse no tempo esta situación, créanse condicións anaerobias, xa que os microorganismos do solo consumen o osíxeno libre, O2, e, ao ser moi baixa a súa difusión na auga, o seu contido diminúe con moita rapidez, case completamente despois de dous días desde o inicio da inundación.

Esta pode ser: 1) temporal, debida ao desbordamento dun curso de auga, por unhas choivas intensas ou por un accidente (rotura dunha condución); 2) provocada como técnica agrícola, como é o caso dos campos nos que se cultiva arroz; e 3) permanente, en cuxo caso fálase de solo somerxido. Se a inundación se prolonga no tempo afectará: i) as plantas, xa que provocará asfixia radicular por anoxia, cuxos efectos varían segundo o tipo de cultivo; ii) o comportamento daqueles compoñentes do solo que poden presentar máis dun estado de oxidación, p. ex. o ferro, que pasa da súa forma oxidada, Fe3+, de colores avermellados a pardentos e inmóbil, á súa forma reducida, Fe2+, de colores agrisados a verdosos e máis móbil, polo que pode ser translocado; iii) a descomposición da materia orgánica, que será lenta e tenderase a acumular podendo dar lugar á formación de turba; e iv) a acidez, xa que a inundación fai que esta diminúa, o que se fará patente en solos ácidos.