Tratamento do solo para modificar a súa fertilidade física (porosidade, grao de compactación, almacenaxe e movemento da auga, entre outros aspectos) e preparalo para a sementeira, mellorar o crecemento das raíces e favorecer a vida dos microorganismos. Existen diferentes enfoques segundo o modelo de agricultura que se practique:
1) labra tradicional, consistente nunha axitación mecánica da capa arable (con volteo do solo ou sen el), de maneira que o solo queda con escaso recubrimento de vexetación, xa que se enterran os restos do cultivo anterior, do que pode derivar un risco de erosión en campos en ladeira;
2) labra de conservación, que propón un manexo integrado de solo, auga, axentes biolóxicos e factores externos, xunto cunha adecuada rotación de cultivos (agricultura de conservación); desta maneira diminúe o número e profundidade dos labores para manter o solo recuberto con máis dun 30 % de vexetación ou de residuos da colleita anterior. De acordo con iso distínguese: i) labra reducida ao mínimo, na que se prescinde do veso, que se substitúe por apeiros menos agresivos, como o arado de ciceis ou a grade, que non voltean o solo e actúan a menor profundidade (25-30 cm); ii) sen labra, que limita o uso de maquinaria a sementadoras capaces de facer a sementeira directa sobre os restrollos. A adopción destes sistemas de manexo require un maior asesoramento técnico para coñecer as características de cada solo e as condicións ecolóxicas do lugar, ademais, o solo debe estar ben drenado, non debe ser susceptible á compactación e require algún sistema para eliminar as malas herbas (herbicidas ou outros).