...

Elemento químico metálico, de símbolo Mn, número atómico 24, peso atómico 54,9, cuxos principais estados de oxidación son +2 (en condicións anaerobias, soluble), +3, +4 e +6 en medios aerobios. É un metal de transición que se presenta en forma de óxido, a pirolusita (MnO2), mineral de forma de dendrita moi característico na superficie de certas rochas. A birnesita, a litioforita e a todorokita son outros óxidos de manganeso que se poden atopar nos solos. En condicións de oxidación e redución alternantes, pode encontrarse no solo formando revestimentos e concrecións de cor moura (pisolitos) asociado ao ferro. Pódese identificar cun ensaio con peróxido de hidróxeno (H2O2) (forma unha escuma branca que se mantén ao irlle botando gotas). É un microelemento esencial para as plantas, xa que entra a formar parte de encimas. En cantidades maiores pode resultar tóxico, especialmente en solos acedos, porque a súa biodispoñibilidade aumenta, ata o punto que pode impedir a autorrexeneración de certos bosques de coníferas. En solos básicos, pode haber deficiencia ao ser pouco biodispoñible. Dado que cando se aplica ao solo se fixa rapidamente, recórrese a aplicacións foliares en disolucións diluídas.