...

Ferramenta molecular para estudar o microbioma presente nunha mostra clínica ou ambiental.

A análise metaxenómica baséase na secuenciación masiva de ADN illado dunha mostra tomada da natureza ou dun hospedador sen necesidade de illamento e cultivo previo dos organismos presentes nela, e conduce á xeración de librarías metaxenómicas.

Este tipo de análise permite obter un compendio dos xenes presentes na mostra independentemente da especie da que proceden, ademais de como interactúan entre si. A información que proporcionan estas librarías ten aplicacións prácticas en campos como a industria, a investigación terapéutica ou a sustentabilidade do medio ambiente. Coa metaxenómica logrouse coñecer microorganismos non cultivables, e estudar con máis detalle como os microorganismos se adaptan ou interactúan con factores bióticos e abióticos.