...

Meteorización debida á actividade dos organismos vivos. Pode causar a disolución de rochas e minerais, na que intervén o dióxido de carbono (CO2) producido por respiración e a formación de complexos ou quelatos entre elementos dun mineral e os ácidos orgánicos segregados polos organismos. Os produtos da meteorización poden ser solubles ou precipitar como complexos órgano-minerais ou como minerais de neoformación. Os organismos do solo actúan de forma directa e indirecta, tanto en condicións aerobias como anaerobias. Por elo, a súa acción pode chegar a ser máis importante que as meras reaccións químicas, se ben en moitos casos pode resultar difícil establecer se se deben a estas ou a aqueles, sobre todo cando hai procesos de hidrólise. Requiriuse da microscopía electrónica para poder estudar as interfaces entre os organismos vivos e os minerais. Algúns autores distinguen a meteorización biolóxica en sentido estrito (efectos debidos unicamente aos organismos vivos) da meteorización bioquímica (efectos debidos ás reaccións cos compostos excretados e segregados polos organismos). En todo caso, ao actuar de xeito simultáneo ambolos dous tipos de procesos, resulta difícil establecer un límite claro entre os efectos de unha e outra meteorización. En sentido amplo, inclúe a meteorización bioquímica.