Meteorización consistente na descomposición química de rochas e minerais ao reaccionar con H3O+ ou con OH− procedentes da disociación da auga. O resultado é a perda de produtos intermedios solubles, a acumulación relativa dos insolubles e a formación de novos minerais cuxa natureza depende das condicións do medio. Afecta aos silicatos, polo que adquire unha grande importancia nos procesos de meteorización, dada a abundancia destes minerais.