...

Conxunto de técnicas de laboratorio para estudar e modificar ácidos nucleicos e proteínas para aplicacións en áreas como a saúde humana e animal, a agricultura e o medio ambiente. Son procedementos habituais para a obtención de organismos con novas propiedades xenéticas, e denominados Organismos Modificados Xeneticamente (siglas OMX). Para iso utilízanse diversas técnicas de enxeñería xenética (ADN recombinante) así como enxeñería de proteínas.

A obtención de plantas OMX ten os seguintes obxectivos: 1) aumentar os rendementos mellorando a capacidade produtiva, a resistencia a pragas e enfermidades, a adaptación a condicións ambientais adversas e á mecanización agrícola; 2) aumentar a calidade dos alimentos; 3) diminuír o uso de agroquímicos e o risco de contaminacións ambientais; 4) ampliar a área xeográfica de cultivo de especies xa coñecidas.

Como exemplo cabe citar o caso do millo (Zea mays) o cal é afectado polas larvas do perforador do millo (lepidóptero, Ostrinia nubilalis) que realizan túneles que debilitan a planta, a cal acaba rompéndose e caendo ao solo. Por medio da tecnoloxía de ADN recombinante obtívose un millo transxénico ao que se inseriu o xene da bacteria Bacillus thuringiensis (Bt) que produce as toxinas proteicas da bacteria nas follas, caule e pole, e que resultan tóxicas para o perforador. O millo Bt considérase seguro para os seres humanos, outros mamíferos, peixes, aves e o medio ambiente. Non obstante, o uso de OMX non está autorizado na agricultura ecolóxica.

Os preceptos substantivos contidos nas Directivas da Unión Europea sobre organismos modificados xeneticamente foron incorporados á lexislación española mediante a Lei 9/2003, do 25 de abril, pola que se establece o réxime xurídico da utilización confinada, liberación voluntaria e comercialización de organismos modificados xeneticamente.

A inoculación no solo de OMX require entender ben a ecoloxía do solo, xa que os riscos ambientais poden ser menos controlables que cando se cultivan OMX en ambientes estancos.