...

Método para a determinación da composición granulométrica dun solo por sedimentación e pipetaxe.

Colócase unha masa coñecida de mostra de solo nun vaso alto de precipitados, engádese auga e peróxido de hidróxeno, H2O2, para destruír a materia orgánica, proporcionando suavemente calor nunha placa calefactora. Débese evitar que seque ou que reborde a escuma que se forma con mostras de alto contido de materia orgánica. Cando xa non se observa efervescencia, transfírese todo o contido a unha botella, onde se debe lavar con coidado para non perder mostra. Engádese un axente dispersante (p. ex. hexametafosfato sódico) e axítase mecanicamente durante un certo tempo, para que se individualicen as partículas de arxila. A continuación, pásase todo a unha probeta de sedimentación, con axuda dun embude e dunha peneira para separar a fracción area. Engádese auga desmineralizada ata completar o aforo da probeta. Tápase a boca da probeta e axítase varias veces por inversión da probeta ou outro método, para homoxeneizar a suspensión. Logo, déixase a probeta nunha mesa de laboratorio en condicións isotermas. Tras un determinado tempo de sedimentación, que dependerá da temperatura ambiente, tómase unha alícuota a unha profundidade calculada coa fórmula de Stokes. A pipetaxe faise cunha pipeta especial (pipeta de Robinson ou similar). Pásase a alícuota pipetada a un cristalizador tarado. Lévase a estufa e déixase secar. Unha vez evaporado o líquido, colócase o cristalizador nun desecador para que arrefríe. Pésase. Repetindo a pipetaxe a distintos tempos (establecidos en función do tamaño das partículas e da temperatura), pódense determinar as fraccións granulométricas correspondentes: limo e arxila; e arxila. A fracción area recuperarase por peneiradura, secado e pesado. Débese utilizar unha balanza de precisión con catro decimais.

Os resultados exprésanse porcentaxe, referidos á mostra seca ao aire. Acéptase unha variación de 95 a 101 % para a suma das tres fraccións obtidas. A estimación dunha delas por diferenza a 100 fai perder a posibilidade dun control de calidade das análises e o seu prezo debería ser, loxicamente, menor. Nos laboratorios de análise en serie, este método, que é moi laborioso, foi automatizado, principalmente, no referente á pipetaxe.