Método de laboratorio utilizado para establecer o índice de inestabilidade estrutural, Is, dun solo a partir dunha análise de agregados tras diversos pretratamentos e da fracción de tamaño inferior a 20 μm, que queda en suspensión na auga tras os tratamentos. Permite determinar a proporción de agregados estables á auga, sen pretratamento, Age. Unha mostra paralela trátase con etanol, que eliminará o aire que se atopa no interior dos agregados, sen provocar un aumento da presión interna, xa que o alcol é miscible coa auga, á que despraza lentamente, sen provocar o estalido dos agregados. É posible determinar a porcentaxe de agregados estables tras este tratamento, Aga. Unha terceira mostra trátase con benceno, que desprazará o aire, se ben non se mesturará coa auga, co que a presión interna alcanzará o seu valor máximo, pero á vez, o benceno ten un efecto contrario, polo seu carácter hidrófobo, co que diminúe a mollabilidade das paredes dos poros. É posible determinar a proporción de agregados estables tras este tratamento, Agb.
Para avaliar a inestabilidade dos solos e podelos comparar entre eles, S. Hénin e G. Monnier propuxeron a expresión:
Is = [a + LF]/[[( Aga + Agb + Age)/3] – 0,9 ArG], na que a é a porcentaxe de arxila; LF, a porcentaxe de limo fino (2-20 μm); ArG é a porcentaxe de area grosa (200-2000 μm); e 0,9 ArG supón unha corrección para tomar en consideración no denominador unicamente os agregados verdadeiros. A fracción (a+LF) determínase tras o tratamento con benceno. Este método estableceuse para solos nos que predomina a fracción limo, polo que non ten validez universal. A partir do valor de log Is, os solos clasifícanse en: (1) < 1, moi estables; 1,0-1,3, estables; 1,3-1,7, con estabilidade mediocre; 1,7-2,0, inestables; > 2,0, moi inestables.