...

Método para determinar a densidade aparente do solo. Consiste en tomar no campo unha mostra inalterada de solo. Para facelo introdúcese suavemente por percusión ou coa axuda dun gato, un cilindro metálico aberto por ambos os extremos, cuxo volume se coñece. A masa de solo contida no cilindro determínase, xa sexa en húmido ou tras secado en estufa (a unha temperatura adecuada á composición da mostra, p. ex. en mostras que conteñan xeso a menos de 50 °C).

A densidade aparente determínase como o cociente entre a masa obtida e o volume do cilindro. É un método relativamente fácil de realizar, que permite tomar mostras a distintas profundidades e facer numerosas repeticións en distintos puntos. Adóitanse tomar tres mostras por cada punto, para gañar precisión. Débese operar con paciencia para non compactar a mostra ao tomala. Presenta o risco de esbocar os bordes do cilindro e resulta difícil de aplicar en presenza de elementos grosos, raíces, ou se o solo está demasiado seco ou é moi duro. Para evitar a compactación da mostra durante a introdución do cilindro no solo, recoméndase que o diámetro deste sexa o dobre da súa altura e, no caso de solos con gretas, que permita recoller de maneira representativa toda a porosidade presente no volume de solo.