Ecuación utilizada na simulación de procesos de infiltración baseada na lei de Darcy e, por tanto, con base física. É unha simplificación da ecuación de Richards. Para establecer unha relación matemática para calcular a infiltración da auga asume algunhas simplificacións: o solo é profundo e homoxéneo respecto á retención de auga e á condutividade hidráulica; o contido inicial de auga é uniforme en profundidade; o movemento da auga no solo é un fluxo de pistón; a fronte de humectación é abrupta e avanza á mesma velocidade en toda a sección transversal; e a altura da lámina de auga sobre a superficie do solo é desprezable.
Estas hipóteses reducen o ámbito de aplicación do modelo a solos de textura grosa, en cuxo caso os resultados son suficientemente aproximados. Exprésase como: I = K(1+(θ0 – θi)ψi/F), sendo I a infiltración; K a condutividade hidráulica saturada; θ0, o contido de auga nun espesor L (próximo á saturación) despois do inicio da infiltración; θi, o contido de auga antes do inicio da infiltración; ψi, o potencial matricial na zona non saturada; e F, a auga infiltrada desde o inicio do proceso. Por tanto, este modelo non estima a infiltración en función do tempo, senón en función da auga infiltrada acumulada. Posteriormente, Mein & Larson aplicárono para coñecer o momento en que o solo se enchoupa (intensidade da choiva > infiltración).