Organismo pertencente ao Filo Molusca, que é un dos grupos de invertebrados máis diversos tralos artrópodos.
No medio edáfico predominan os gasterópodos: caracois e lesmas, coñecidos vulgarmente como pulmonados (respiración por un pulmón que é unha cavidade do manto). Habitan en solos húmidos, xa que necesitan humidade para a respiración e a locomoción, o que limita a súa distribución; son activos cando a humidade ambiental é elevada, xeralmente pola noite. Hai especies omnívoras, mentres que outras son herbívoras, fitosaprófagas, carnívoras e necrófagas.
O seu corpo presenta: cabeza, con catro tentáculos sensoriais (os ollos, que poden estar situados no extremo de tentáculos retráctiles) e boca, onde se atopa a rádula (estrutura con numerosos dentículos quitinosos para raspar o alimento); concha espiral dorsal (ausente en lesmas); e pé musculoso, con función locomotora e con glándulas que segregan un mucus que actúa como humectante, o que facilita o desprazamento e contribúe á formación de microagregados no solo.
Contribúen á descomposición da materia orgánica e á concentración de calcio nos solos. Moitos causan danos aos cultivos e considéranse pestes.