Conxunto de condicións nas que vive e se mantén unha poboación no seo dunha especie e medio determinados.
En ausencia de especies competitivas, unha especie pode formar poboacións viables, mentres que a especie pode desaparecer cando ditas condicións cambian, ou se outra ou outras especies concorrentes no mesmo espazo teñen os mesmos requirimentos e, no caso de estrés, a especie máis eficiente desprazará as outras (principio de exclusión competitiva).
Na práctica resulta imposible ter en conta o conxunto de factores que inflúen na existencia dunha poboación, polo que a maior parte dos ecólogos da segunda metade do século XX adaptaron a definición á súa concepción e ás súas necesidades. Sempre está estreitamente ligada á noción de competencia
E. O. Wilson define este concepto como o lugar que ocupa unha especie nun ecosistema, lugar que ven definido polo lugar no que vive a especie en cuestión, a natureza do que come, o territorio polo que deambula na procura de alimento e a súa estación de actividade, entre outros aspectos.
G.E. Hutchinson (1957) suxeriu que o nicho pode ser visualizado como un espazo multidimensional ou hipervolume dentro do cal o ambiente permite a un individuo ou a unha especie sobrevivir indefinidamente, de maneira que se pode designar como nicho multidimensional ou nicho hipervolume, que pode ser medido e manipulado matematicamente.
Non tódolos nichos teñen as mesmas dimensións teóricas. Nas especies xeneralistas (eurioicas) son de gran amplitude, mentes que nas especies especialistas (estenoicas) son máis restrinxidos e están mellor definidos.