Orde dos ácaros, forman parte da mesofauna do solo (microartrópodos), de 0,1 a 2 mm (en termo medio de 0,3 a 0,6 mm) de lonxitude. De formas moi variadas, con coloración de pardo claro a negra. Son fitosaprófagos e mucrófagos, así como coprófagos ou polinívoros. O seu tubo dixestivo contén unha microbiota variada que degrada a celulosa.
Atópanse en hábitats moi diversos. Nunha pradaría, o 50 % dos efectivos viven nos dous primeiros centímetros do solo.
No solo contribúen: 1) á microfragmentación e mestura de materiais orgánicos 2) á dispersión e regulación da microbiota; 3) interveñen na dinámica das poboacións fúnxicas, 4) son eficaces para cortar as agullas das resinosas.