Aparato para medir o valor da resistencia que ofrece un solo in situ á penetración. Consta dunha varela metálica cilíndrica que termina nunha punta cónica e un indicador dixital. A resistencia á penetración desenvolvida polo cono, esforzo de punta ou índice de cono (qc), defínese como a forza aplicada ao cono (F) por unidade de área basal requirida para introducir o cono nun solo: qc = 4F/πB2, onde B é o diámetro da base do cono.
Para que os resultados das medidas resulten comparables débese traballar con equipos estandarizados. Non obstante, resulta difícil relacionar os valores rexistrados cun penetrómetro e o crecemento das raíces, e máis aínda co rendemento dos cultivos. Isto é debido, entre outros factores, a que unha característica dos sistemas radiculares é a súa capacidade para un crecemento compensatorio. Un maior crecemento dunha parte das raíces nun medio máis favorable pode chegar a compensar un crecemento global reducido, de maneira que o crecemento da parte aérea e o rendemento global non se vexan afectados.