Penetrómetro que rexistra a resistencia oposta polo solo in situ ao avance do elemento de penetración cunha punta cónica no seu extremo, cando se aplica bruscamente unha forza por medio dun mazo que cae libremente desde unha altura preestablecida. Para que os resultados das medidas poidan ser comparables débese traballar con equipos estandarizados.
Resulta difícil de relacionar o valor rexistrado cun penetrómetro e o crecemento das raíces, e aínda máis co rendemento dos cultivos. Isto é debido, entre outros factores, a que unha característica dos sistemas radiculares é a súa capacidade para un crecemento compensatorio. Un maior crecemento dunha parte das raíces nun medio máis favorable pode chegar a compensar un crecemento global reducido, de maneira que o crecemento da parte aérea e o rendemento global non se vexan afectados.