...

Mineral da clase dos sulfuros de fórmula FeS2, cunha estrutura cristalina que depende das condicións de formación. Preséntase en xacementos de sulfuros, é un compoñente minoritario nalgunhas rochas e atópase en solos saturados de auga en condicións fortemente redutoras (esteiros, deltas e mangleirais), así como nalgúns xacementos de carbón. A explotación mineira en áreas mineralizadas con sulfuros metálicos de interese (cobre, chumbo, cinc) ou a minería de carbón a ceo aberto, xeran entulleiras con altos contidos de pirita que, por oxidación, a miúdo biocatalizada por bacterias (e en ausencia de carbonato de calcio, CaCO3), pode xerar unha forte acidificación (pH < 3). A súa oxidación en entulleiras de carbón pode causar incendios.