Peza plana circular de cerámica de pouco espesor que se utiliza nas cámaras de presión para determinar en laboratorio o contido de auga a diferentes potenciais. Caracterízase por deixar pasar a auga a través dos seus poros, pero non o aire. En condicións de traballo, a cara superior do disco cerámico, sobre a que se apoian as mostras, estará sometida á presión de aire que se aplique (célula de presión), mentres que a cara inferior atoparase á presión atmosférica, ao estar illada do sistema (o interior da cámara) por unha envoltura dunha lámina de caucho suxeita cunha abrazadeira. Este compartimento estanco está conectado por medio dun tubiño co exterior da cámara, o que permite dar saída á auga, ata que non se equilibre o contido de auga coa presión aplicada, que se corresponde co potencial matricial da auga da mostra. Naqueles casos en que se queira traballar a presións moi elevadas, superiores en valor absoluto a 1500 kPa, débense utilizar membranas de acetato de celulosa.