...

A clasificación de microorganismos do solo baseada en diferenzas nutricionais aplícase a bacterias e foi Serguei Winogradsky (1924) quen introduciu os conceptos de poboación autóctona e de poboación cimóxena.

Estes conceptos serven para caracterizar a poboación do solo como integrada por un compoñente autóctono, que exhibe un nivel de actividade metabólica baixa, pero bastante constante (poboación microbiana autóctona) e, ao mesmo tempo, recoñecer a existencia dunha poboación que responde a refachos de actividade (poboación microbiana cimóxena), que corresponden á adición de nutrientes ou materiais enerxéticos ao solo.

A poboación cimóxena de bacterias descompón os substratos orgánicos máis lábiles presentes no solo e, por tanto, mostra un rápido crecemento cando se engaden estes materiais enerxéticos ao solo, tales como restos de plantas ou de animais. Nestas condicións, os microorganismos son capaces de multiplicarse rapidamente, mentres que volven a estruturas de esporas resistentes unha vez se esgota o substrato. Comprende principalmente bacilos formadores de esporas.

A poboación cimóxena adáptase mellor a unha localización espacial nos poros grandes e agregados do solo, que permiten un acceso fácil a aportes de nutrientes, aínda que a protección fronte a predadores e a outros microorganismos sexa baixa.